Pleno do 8 de abril de 2021

O pleno correspondente ao mes de marzo celebrouse este xoves, día 8 de abril, cunha orde do día na que, como é costume, destacaba o baleiro máis absoluto. Tan só o trámite de aprobación do convenio co ORAL para a cesión do procedemento sancionador das multas de tráfico, que contou cos votos favorables de PSOE e Veciñanza e a abstención do PP. O noso voceiro municipal, Santi Martínez, xustificou o apoio no beneficio que suporá liberar de carga de traballo ao persoal que tramita os expedientes e no convencemento de que, se algunha utilidade teñen os entes provinciais, é precisamente na mancomunidade de servizos para os concellos con menos recursos.

Na quenda de rogos e preguntas, Veciñanza expuxo dúas consideracións:

• A primeira delas ten relación precisamente co baleirado de contidos dos plenos municipais, nos que a actitude do Alcalde chegou ao punto de non responder preguntas. A única información que temos os grupos da oposición a respecto dos plans e iniciativas do goberno local é a que se pode intuír polos medios de comunicación, no canto de expoñer nas sesións plenarias os proxectos e a actividade municipal. A arrogancia levada ao seu máximo expoñente.

• A segunda delas ten relación coa política de persoal do Concello de Cuntis, e expuxémola do seguinte xeito:

Noutras ocasións temos advertido da preocupante situación económica do concello, que reflexan os informes técnicos nos que se advirte do incumprimento da estabilidade orzamentaria, da regra de gasto ou do periodo medio de pago a provedores. Produto dunha xestión económica máis que deficiente. Nas últimas semanas vimos exemplos, tamén con informes técnicos que documentan o que dicimos, da xestión en materia de persoal, que non imos cualificar doutro xeito máis que de caciquil.
O 25 de febreiro emitíase un decreto de alcaldía prorrogando, en contra dos criterios técnicos reflexados nos informes de secretaría e intervención, tres contratos laborais que foron iniciados a partir dunha subvención da Deputación, que finalizaba o 31 de decembro. A xustificación era a excepcionalidade da loita contra a pandemia, pero na propia descrición dos postos de traballo, que era, se me permitides, de cachondeo, quedaba claro que se trata de servizos ordinarios. De novo, levantamento de reparo, e continuidade de postos de traballo temporais e precarios.
Nas últimas semanas vimos outro exemplo de xestión transparente por parte deste goberno. Xusto na véspera da ponte de San Xosé, con tres días festivos polo medio, publícanse na sede electrónica as bases para a selección de 14 persoas para contratos de 9 meses en distintos postos de traballo. Vese que o Facebook do Concello está para as fotos do alcalde, para a propaganda e para o uso partidista e para as homilías dos domingos do alcalde, pero non para a difusión de asuntos tan importantes como postos de traballo públicos. Á volta da ponte, o martes 23 de marzo, xa hai unha lista definitiva de candidatos/as que son convocados/as ás probas de selección o mércores 24 ás nove da mañán. Curiosamente os agraciados/as, na súa maioría, repiten xa nos seus postos. Quen nalgún momento puidera pensar na modernización da administración pública atópase agora con que estas prácticas, máis propias doutros tempos, están plenamente vixentes.
Mentres isto acontece, outro ano máis temos uns orzamentos nos que se contemplan varias vacantes de persoal, que o goberno non convoca porque non o considera oportuno, ou funcional para os seus intereses. Non se sabe por que se prefiren postos e traballo temporais e precarios a emprego público estable. As vacantes son: Técnico/a Xestión Intervención (A2), Alguacil Porteiro/a (AP), Policía (C1), TRES operarios/as de servizos múltiples, Fomento do Emprego, DOUS/DÚAS oficial de servizos múltiples. Mentres isto acontece, o concello de Cuntis segue a carecer dunha RPT, que estruture debidamente as necesidades de persoal para a prestación dos servizos públicos.
O rogo que temos que facer é triple: por un lado, que cese todo tipo de prácticas clientelares que se manteñen no concello de Cuntis. En segundo lugar, que se convoquen as vacantes orzamentadas e, por último, que os perfís de redes sociais do concello de Cuntis difundan os asuntos de interese para a xente e non só o autobombo do goberno.

Share

Tamén pode gustarche...